23/4/09

OS BATÁNS DE OA

.
.
.




Unha das actividades prácticas dentro da materia de Xeografía e Historia en 1º ESO é a realización dun traballo de investigación do seu contorno. Coa finalidade de coordinar esta actividade coa materia de Proxecto Interdisciplinar este curso 2008-2009 o tema tratado foi “Os batáns de Oa”.
Con este traballo preténdese conseguir que o alumnado:
1º Desenvolva competencias de aprender a aprender, mellorando na técnica de sintetizar a información.
2º Valore o seu contorno, rico en restos e monumentos que conforman unha parte do patrimonio material galego.
3º Desenvolva a competencia lingüística da composición e elaboración de pequenos traballos de investigación, cun esquema, utilización de recursos diversos para a obtención da información (biblioteca do centro, internet, etc. ), selección de información, etc.
4º Que participe e se interese polos seus traballos, valorando sobre todo o proceso de aprendizaxe.
A Profesora de Xeografía e Historia de 1º E.S.O.

BATÁNS DE OA

ÍNDICE

1. Os batáns: definición.
2. Partes do batán: Descripción.
3. Data de aparición.
4. Situación dos ríos e muíños de Oa.
5. Utilización da auga dos ríos.
6. Bibliografía.




1.- OS BATÁNS: DEFINICIÓN

Un batán é unha máquina de madeira que funciona debido a enerxía hidráulica. Os batáns están sempre situados cerca dos ríos. Os canles da auga fan mover os mazos, que servían para producir o golpeteo das teas.
O batán está pensado para abatanar as teas, é dicir, para golpealas. Cando se quería que os panos tiveran maior resistencia ou maior grosor, ao saír do tear levábanse aos batáns onde recibían todo o proceso.
Este proceso consiste no seguinte:
As mantas e as sabas colocábanse no interior do recipiente ou imia, ben dobrados en zigzag, nunha cantidade determinada de metros e alí remollábanse ca auga do río durante todo o tempo que duraba o golpeteo ou abatanado.
As teas íanse batendo dentro dunha cuba de auga ou pía cuns mazos asentados nun eixe que van nunha roda e que leva de doce a dezaseis culleres no seu diámetro, sobre as que cae a auga que ven por unha canle. A roda, polo tanto, vai movéndose por medio da enerxía hidráulica. Os mallos ou mazos van mollando as teas alternativamente, é dicir, cando un se eleva o outro baixa.
Ás mantas que se levaban a bater no batán “víase o día polo medio”, é dicir, que o tecido estaba moi ralo e aberto. Ó batelos e remollalos ían quedando máis doces e suaves e o fío apertábase máis. Se o tecido era de la só, encollía no sentido da la. Batíanse cinco ou seis mantas ó mesmo tempo, aproximadamente vintecatro horas. Durante o proceso facíanse algunhas paradas para cambiar de posición os panos, para que así o resultado fose uniforme, aínda que os bataneiros pola vista e polo tacto sabían se o tecido estaba ben ou non.
O final do proceso quitábanse as mantas da pía e dobrábanse, poñíaselles un cepo por riba para que escorreran ben e pasado un certo tempo de secado, poñíanse ao sol.
Unha vez secados os panos, os que estaban destinados a mantas pasaban pola cardadora para sacarlle o pelo ca chamada percha de cardos. Esta operación chamábase perchar. O batán estivo sempre relacionado coa industria dos panos. Antes de que existiran as máquinas, pisábanse os panos cos pés calzados con zocos ata conseguir e seu enfurtido coa axuda de certos líquidos que se mesturaban coa auga.
O período no que os batáns estaban en funcionamento era dende o mes de febreiro ata xuño. Durante o verán ficaba pechado porque o río non tiña o suficiente caudal para o seu funcionamento e no inverno non se podía utilizar pola dificultade que supoñía secar as mantas.

2.- PARTES DO BATÁN: ELEMENTOS
Os elementos que compoñen un batán son tres:
1) Sistema hidráulico.
2) Armazón ou estructura
3) Recipiente ou imia.


1.- Sistema hidráulico, que está formado por:
a) unha canle de madeira pola que corre a auga
b) unha roda cun diámetro de 3 metros e unha serie de palas ou culleres (entre doce e dezaseis) repartidas regularmente polo perímetro, sobre as que impacta a auga que baixa pola canle producindo o movemento da máquina.
c) O eixe onde van intercaladas as palas que, co seu movemento, o arrastran. O eixe xira cando a roda e por medio de dúas levas fai mover os mazos.

2.- Armazón ou estructura, suxeitado por catro pés dereitos, debidamente cravados na terra, e un bastidor superior do que colgan os dous mazos de madeira bastante pesados, que ao caer golpean os panos que están situados na cuba.

3.- Recipiente, cuba ou imia, onde ten lugar o abatanado dos panos que se depositan no interior. Neste recipiente circula a auga necesaria para a refrixeración das teas que de outra maneira poderían estragarse a causa do quecemento.

As pezas eran case todas de madeira. Cando algunha peza se estragaba (xeralmente íanse gastando os rodamentos de rozar uns con outros), entón repúñanse con madeira de carballo que se sacaba das carballeiras e fragas preto.

3.- DATA DE APARICIÓN

En España empezaron a utilizarse na Idade Media. Antes de que existisen estas máquinas, os panos pisábanse cos pés calzados con zocos ata conseguir o seu enfurtido coa axuda de certos líquidos que se botaban na auga. Durante o século XVIII había cerca de 200 batáns en funcionamento e no século XIX aínda seguían funcionando moitos deles, sobre todo para obter o saial e a estameña, que son panos duros e resistentes ao frío e a humidade, moi utilizados polos labregos como prendas de abrigo.
En Galicia, concretamente en Oa, dos ou tres batáns situados no río Chonia xa estaban funcionando no ano 1750 e continuaron facéndoo ata 1975, ano no que se abandonou a actividade debido á falta de mantas.
Hoxe en día a maior parte dos batáns atópanse en estado ruinoso e incluso totalmente desaparecidos, son moi poucos os que se conservan e sempre destinados a museos.

4.- CONSTRUCCIÓN DA AUGA NO RÍO CHONIA: OS BATÁNS DE OA

No concello de Trazo, na parroquia de Xavestre atopamos un conxunto de muíños, batáns e fábrixas de luz que se chaman “construccións da auga do Chonia”, formadas por:
Muíño comunal de Tarrío.
Muíño do medio e de arriba comunais de Oa.
Muíño de abixo comunal de Oa.
Fábrica de luz de Agosto, Miro e Pereiro de Oa.
Muíños, batán e fábrica de luz de Carballo de Tarrío.
Muíño e batán de Pardal de Oa.
Muíños, batán e fábrica de luz e pallote de Neiro de Oa.

Neste pequeno río, o Chonia, afluente do Tambre pola esquerda, hai catro muíños comunais, todos eles para moer millo ( o de Tarrío dun pé e os de Oa que son tres: o de Neiro, o de Pardal e o de Tarrío, que suman catro pés). De uso privado cóntanse nove pedras do país e catro albeiras de trigo, repartidas nos muíños de Neiro de Oa (un muíño de tres pés e outro de dous), Pardal de Oa (un muíños de tres pés, un albeiro e dous do país) e os de Carballo de Tarrío ( un muíño de dous pés do país, outro dun pé do país e outro de dous pés albeiros de trigo).
En total son dezaoito pés que nalgún intre moeron todos xuntos grao propio e alleo; dez construccións tradicionais que gardan dez historias.
O catastro de Ensenada (1753) só menciona a existencia de dous “llamados de Tarrío, pero seica chegou a haber sete (Villar; 1994: 65). No catastro dise que a utilidade anual de cada un destes dous batáns era de 33 reais de vellón. Cada batán tiña polo menos un muíño ao lado, co que se combinaba a o abatanado coa muiñada, xa que bataneiros eran tamén muiñeiros.

O ABATANADO EN OA

Tres eran os batáns de Oa, tan vellos que dous deles xa traballaban polo ano 1750; dos tres, fican unicamente os da beira de Oa despois que unha enchente do río levase por diante o de Carballo de Tarrío. Hoxe só se mantén coidado o de Neiro de Oa, mentres o de Pardal de Oa desaparece lentamente.
Nos batáns de Oa abatanábase do seguinte xeito:
“Primeiramente poñíase o rolo ou seralla xa mollado na pía, 30 varas de tecido cada vez; abríase a comporta da canle e regulábase a pá para botar a andar o batán. O abrir, caía a auga con forza pola canle - nestes batáns case verticalmente- sobre as penas da roda, facendo virar e virar esta. A auga batía e a roda xiraba. O eixe xiraba tamén e con el as elevadoras, que en cada volta completa contactaban cada unha dúas veces coa súa correspondente zapata de almanca, alternativamente e elevando unha e outra ás mazas.
Cando deixaba de ser efectivo aquel contacto, caían elas ritmicamente e polo seu propio peso sobre o rolo no interior da pía cuns golpes xordos. Mentres, a auga traída de fóra por unhas caneliñas, chegaba ás buxas para refrixerar os veos tamén a pía, onde se repartía polos buratitos mollando o tecido, que viraba de cada golpe e batía horas e horas (24 horas no verán e moito máis nas outras épocas). Tras o proceso, poñíase a secar o tecido ao exterior, ao sol e o vento, por riba das silvas ou tendido nos prados” (Villar; 1994: 62-63).

DESCRICIÓN E CARACTERÍSTICAS

Muíño e fábrica de luz de Carballo de Tarrío: en tempos foi muíño de cubo con rodicio de moita actividade; reformado coa montaxe dunha turbina de ferro que facía mover as dúas capas albeiras e as peneiras ademais da fábrica de luz, tiña unha pequena lareira no seu interior e un cuberto fóra.
Muíño de cubo de Carballo de Tarrío: está ao carón da fábrica de luz de Carballo de Tarrío e o batán;. Ten unha pequena lareira onde se quentaban nas noites de muiñada mentres as dúas pedras movían o grao do millo coa auga do gran cubo.
Muíño de canaleta comunal de Tarrío: é dos poucos muíños da Chonia con cuberta a dúas augas e canaleta. Ë a única mostra que moía por pezas.
Fábrica de luz de Neiro de Oa. Cóntase que esta minicentral entregou a súa luz ás aldeas de Oa e Portomeiro desde 1944 ata que pechou.
Muíño de Neiro de Oa: Neiro de Oa ten dous muíños no Chonia, un máis grande que o outro e os dous de canaleta.
Batán de Pardal de Oa: as mazas deste xigante de madeira batían arreo os rolos de pano tecido, mollado, coa única forza da auga que caía pola canaleta abaixo, sen perder o ritmo do petar que chegaba, xordo, nas noites escuras de Oa de Tarrío.


BIBLIOGRAFÍA

Enciclopedia “Encarta”
Obradoiro de Historia (asociación cultural)
“San Cristobo de Xavestre”
“As construccións de auga no Chonia, unha necesidade da época” de Villar Folla-Cisneros
Enciclopedia Galega, Silvero-Cañada
Diccionario Xerais da Lingua

Testimonio de Consuelo Rodríguez Noya
Entrevista con Andrés Suárez Gigirey
Testimonio de Marcelino Pardal Ríos

www.galiciaparaomundo- batánsdemosquetin.com
www.turgalicia.es
www.wikipedia.es

No hay comentarios: